xoves, 30 de xaneiro de 2014

Mártires de Cans: De novo os eternos esquecidos!!!

Novamente síntome anoxado pola nula sensibilidade dos nosos representantes municipais, porque unha vez máis esquecéronse de homenaxear aos Mártires de Cans, ao negarlles o dereito, a que o seu sacrificio se vexa reflectido no novo rueiro do Concello como fixeron en Salceda de Caselas cos Mártires de Sobredo.

De 27 novas rúas e 8 ás que lle trocaron o nome, que non tiveran ese pequeno detalle di moito da súa escasa sensibilidade non recoñecéndolles o seu sacrificio por tódolos sonenses. Como dixen no seu día, particularmente a min dinme moito máis que «Rúa das Escamas, Papatemóns», ou Cinco calles. Eles tamén forman parte da nosa Memoria Histórica, e iso non o poden esquecer nin borrar.

Ao contrario das críticas que escoitei a raíz de isto: Lorenzo xa ten rúa no Son, particularmente non teño nada en contra. De feito no seu día xunto con seu pai e uns amigos, colaborou coas festas do Carme, ou temos tan pouca memoria? Que non viva no Son é circunstancial, mais parte das súas raíces son de aquí.

Centrándome na miña queixa, se lle fago caso a La Voz de Galicia, os traballos comezaron co anterior bipartito. Se iso é verdade faime sentir, se cabe, aínda máis anoxado porque o Grupo Municipal do BNG, tivo unha oportunidade única de amosarnos que o que fan en Cans cada 12 de outubro non é unha simple «pataleta», ao tentar apoderarse das homenaxes que instaurei, cando circunstancialmente militaba no partido. Que non tivesen ese detalle amósame a súa indiferenza e a falta de respecto que afirman terlles.

No seu día o Concello habilitou un correo onde solicitaban a proposta de nomes, descoñezo se alguén fixo algunha, mais eu si a fixen. Propoñía para esas novas rúas o nome dos cinco mártires ou a estrada AC-550 que atravesa Cans, que agora pasou ao Concello, fose Avenida dos Mártires de Cans.

Esta queixa tamén vai dirixida ao actual bipartito, porque dubido que non puidesen facer algo máis. Por se queda algún recuncho, aquí queda a miña placa para outra ocasión. Coido que ben o merecen!!!

Despois de tres anos de traballo entra en vigor o novo rueiro sonense

A partir de agora, os veciños das localidades de Porto do Son e Portosín terán que familiarizarse con nomes como Papatemóns, Paseo Romera, O Con, Rapeta ou Avellaneda. Todos eles fan referencia, ou ben a rúas de nova creación, ou ben a vías que ata agora eran coñecidas doutra forma. Por exemplo, por obra e graza do novo rueiro sonense, Trece de Setembro pasa a rebautizarse co nome do campión de Moto GP orixinario do municipio.

Así que os veciños deben saber que Jorge Lorenzo xa ten a súa rúa, do mesmo xeito que os pais José López Calo e Manuel Rodríguez Pazos, e incluso o mesmísimo premio Nobel Gabriel García Márquez figurará de agora en diante nas cartas dirixidas a veciños da localidade sonense.

Unha trintena

En total, son 27 as vías de nova creación a cuxa denominación terán que adoitarse os residentes nas vilas de Portosín e Porto do Son, mentres que un total de oito cambiaron de denominación. A maiores, corrixíronse unha serie de problemas que había na numeración, como duplicidades de díxitos, co que a máis dun levaralle un tempo aprenderse a nova dirección da súa propia casa.

Todos estes cambios, que posiblemente traerán de cabeza durante unha tempada aos carteiros encargados de repartir o correo, obedecen á entrada en vigor do novo rueiro, aprobado en pleno no verán do 2010. Máis de tres anos, durante os que se desenvolveron os traballos técnicos para adaptarse á nova situación, tivo que esperar Jorge Lorenzo para ver unha rúa co seu nome na localidade da súa familia paterna.

Para que ninguén se despiste, o Concello está a enviar cartas aos afectados cos cambios no rueiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.