domingo, 24 de abril de 2011

Arquitectura Popular: fornos comunais en Oseira-Cea

Vilanfesta
A cocción do pan é o punto final dunha longa cadea de actividades que comeza coa sementeira do cereal e que deixou importantes testemuñas de imaxes de campos e aldeas. Este é un proceso longo e indispensable para a panificación do gran de trigo. Os fornos eran un enxeño curioso e non sempre as familias eran quen de poder construír un forno na casa propia. A construción de fornos comunitarios veu solucionar esta incomodidade. As casas da aldea xuntábanse e levantaban o forno, que sería de uso da veciñanza seguindo un rigoroso sistema de quendas. Deste xeito aforrábanse os custes da obra e do mantemento e mesmo era posible economizar noutros gastos como por exemplo a leña.


Interior dun forno

A nivel estrutural, os fornos constan de dúas partes ben diferenciadas: o forno e o edificio que o acolle. A caseta do forno acostuma, a construírse con cachotería de pedra, cunha orientación concreta que protexa o interior do vento; adoita ter moi poucos ocos, todo o máis dous, situados para poder entrar a luz, e, sobre todo, a saída do fume. Nos tempos máis antigos, a cuberta de colmo permitía prescindir da cheminea, xa que o fume se filtraba polo teito ao exterior. Ademais do forno propiamente dito, no edificio hai espazos destinados a amasar, tender e deixar arrefriar o pan; algúns fornos tamén teñen lugares para almacenar ou secar a madeira. A artesa de amasar e a mesa para tender tamén teñen o seu sitio.


Os fornos son enxeños bastantes complexos, froito dunha construción coidadosa. A cámara de cocción aséntase sobre un pedestal, que se constrúe en pedra e ten como misión principal servir de base á estrutura da cámara de cocción polo que debe estar perfectamente horizontal; serve tamén como illante, ao separar o lar do chan, e a súa altura é axustada para poder permitir gobernar o forno con comodidade. O lar ou base da cámara do forno esta conformado por pedras lisas e ben axustadas; sobre elas sitúanse as ringleiras de pedras que conforman a bóveda ou capela. Todo o conxunto revístese con pedra e o cumio con xabre para dar solidez e illamento. Cara ao exterior, o forno ten unha soa abertura (a boca), pola que se introduce a leña para quentalo e os bolos para cocer. A entrada protéxese cunha estrutura amodo de campá (o chapilé) e presenta a ras do lar un pequeno burato (borralleira) que permite baleirar as cinzas cando o forno esta quente.

O traballo do pan e o goberno do forno complétase cunha ampla gama de ferramentas, cada unha das cales ten un cometido preciso: peneiras, artesa, taboleiro, palas de enfornar, varredoiro, etc., e mesmo un candil, xa que aínda de día o interior resulta bastante escuro.

Betar

San Martiño

Foi en fornos coma estes onde naceu o Pan de Cea, de forma e textura tan características. As pezas que saen das panaderías actuais apenas se diferencian das que producían os vellos obradoiros, conservando o sabor tradicional que deu sona e identidade a este produto.

Cando unha familia se podía permitilo luxo de facer un forno propio, engadíase a un lateral da casa, como este en Tanxil, ou facíase dentro.


Observando a primeira foto e vendo esta con poste "chantado" a carón do forno, un preguntase a que se dedica a xente de Patrimonio, ademais de vivir á conta dos nosos impostos.


Se vostede é un "manitas" aquí explícanlle paso a paso a forma de facer un, aínda que non é de pedra.

E xa tirando a máis moderno, nas Homilías do Padre Teixugo, que-lles recomendo ler polas verdades que conta, amósalles a forma de enfornar nun solar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.