domingo, 25 de outubro de 2009

Un ano para esquecer

O 12 de xaneiro de 1916, en sesión ordinaria do Concello de Porto Son, acordouse repartir entre os veciños os arbitrios municipais, ou sexa, repartir entre a poboación o déficit que resultaba no imposto para 1916 (9.381,71 Ptas.) así como unha importante cantidade (5.259,35 Ptas.) correspondentes á primeira anualidade da moratoria que a Deputación Provincial da Coruña lle outorga o 14 de xaneiro de 1915.

Os ánimos entre a xente do Son estaban moi encrespados e tanto a Liga Agraria de Nebra coma Protección Obrera de Porto do Son realizaban reunións entre os seus afiliados para informar desta situación e as medidas a tomar. Os contactos entre a Liga Agraria e Protección Obrera fanse cada vez máis estreitos e realizábanse máis a miúdo. A Liga Agraria en sesión extraordinaria do 2 de abril acorda convocar aos veciños para unha manifestación no día seguinte. Ese día centos de persoas acudiron á manifestación que rematou ás portas da Casa do concello. Ninguén acudiu a recibilos.

Os ánimos estaban aínda máis axitados. O día cinco dese mesmo mes a Corporación Municipal tratou o tema e acordouse non atender as peticións dos veciños que consideraban inxusto o pagamento dese imposto. As cousas a partir de entón empeoraron, a indignación crecía e o desespero tamén. A primeiros de maio unha comisión foi entrevistarse co Gobernador. Levaron o propósito de conseguir que se revisase a repartición dos arbitrios, posto que se fixo con inxusta discriminación. O Gobernador díxolles que se desestimaba a solicitude porque esa reclamación debera facerse en tempo e forma.

De regreso o desasosego foi xeral xa que quedou perdida toda esperanza. Decepcionados, estaban decididos a non pagar e, no peor dos casos, dispostos a todo. Este sentimento onde máis se deixa sentir foi na parroquia de Nebra. A mediados de xullo a Liga Agraria de Nebra acorda unha nova manifestación na que participen os veciños de todas as parroquias. O día sinalado reuníronse máis de 3.000 persoas que berraban en contra da Corporación Municipal e pedían a dimisión do alcalde, Severiano Martínez.

Ese mes realizouse outra manifestación de veciños do Son, Noal, Nebra e Portosín coa finalidade de pedir a liberdade dos cinco veciños encarcerados o día de 3 abril, a raíz da outra manifestación. Despois destas manifestacións o Concello presentou a dimisión de todos os seus cargos ante o Gobernador, incluído a do Alcalde. Esta dimisión non lles foi aceptada. O 13 de setembro acordouse instar ao Alcalde que confeccionase un listado de debedores e nomeara un axente executivo para realizar os embargos.

O Gobernador enviou telegramas con instrucións concretas ao Alcalde e o xefe da Garda Civil para que procedesen con toda a mesura necesaria. Recomendou que se fixese chegar ás xentes o aviso de que mellor sería que recorresen polos medios legais contra todo o que consideraran inxusto na seguridade de que se no Concello non se lles atendía, el lles daría toda a razón la razón que tiveran. Cabe preguntarse, porque se desestimou o recurso que unha comisión lle presentara no mes de maio?

Insistiu en que a prudencia e a cautela no emprego do procedemento de enerxía era sempre preferible en conflitos deste tipo. Obtivo entón garantía de que nada se faría que se saíse disto mesmo, salvo casos extremos, que se calculaba, con natural optimismo, que non se darían. A situación cada día faise máis tensa. O 2 de outubro procédese á cobranza por parte do executor da Xustiza apoiado por un bo número de membros da Garda Civil. Moitos veciños fixeron efectivas as cotas ao notificarlles o embargo. O Alcalde de barrio de Miñortos resistiuse ao pagamento e embargáronlle unha vaca.

Decídese que o día 12 dese mesmo mes se procederá a realizar novos embargos. O día 11 de outubro no local da Liga Agraria de Nebra hai inquietude. Saben que comezaron os cobramentos e os embargos. O primeiro será o alcalde de barrio, Xoaquín Sobrado Castelo, veciño de Cans. Pouco a pouco, vanse xuntado os veciños das aldeas de Nebra que baixan pola corredoira da Igrexa en silente procesión, concentrándose fronte a ponte de Cans. Fóronse achegando ao toque reiterado dun corno e o estalido dun foguete. Son máis de catrocentas persoas na súa maioría mulleres.

Ante eles en columna da dous van chegando máis de trinta gardas. Diante vén un capitán e dous tenentes. O capitán acompañado dun tenente adiantouse para pedir os veciños que se dispersaran. Os veciños contestaron que non querían pagar o "défisi". Nisto, un grupo dunhas vinte mulleres e un rapaz adiantáronse do grupo. A partir deste momento as noticias son confusas para saber con exactitude o que realmente aconteceu. Uns dirán que foi a Garda Civil quen efectuou os primeiros disparos, outros dirán que foron os alí congregados os que comezaron e aqueles repeleron a agresión. En calquera caso o enfrontamento produciuse e o lamentable é que houbese tan alto número de vítimas.

O primeiro balance non pode ser máis desalentador: dúas persoas mortas, catro feridos moi graves e máis de trinta con feridas de distinta consideración. Entre os feridos figuran tamén dous gardas.

Despois de producirse estes feitos a Garda Civil retírase a Portosín para protexer o Alcalde. Mentres tanto préstaselle axuda aos feridos. Os médicos de Porto do Son, D. Salustiano González e D. Antonio Facal desprazáronse a cabalo mesmo ao lugar dos feitos para atender aos feridos.

Os de pouca gravidade foron levados en carros ao Son onde os atenderon o médico D. Carlos Pérez e os boticarios D. Ramón Lestón e D. Xoaquín López. Entre as persoas que colaboraron nestas tarefas cabe destacar ao párroco D. Xosé Mira e a D. Xosé Vinagre Olveira. Os feridos de maior gravidade son conducidos ao peirao da Aguieira onde foron embarcados en traiñeiras para Noia. De alí foron levados a Santiago pola tarde no coche de liña. Outros feridos chegarían a Compostela na madrugada do día seguinte. Esa noite, Nebra é un continuo andar de xente, dun velorio ao outro, foron dúas persoas as que morreron ese día: Antonio Sobrado Luaces e Francisca Carou. O día 15 morrerán Ramona Suárez Pouso e Xenerosa Vidal, e o día 28 no hospital de Santiago, falece Rosa Cadórniga Maneiro.

Ata fai uns anos isto era un tema tabú en Nebra. Na Ditadura poderíao entender, mais estou a falar xa ben entrada a Democracia. Tan tabú era, que as primeiras referencias que tiña era que algunha xente, familiares dos descendentes incluídos, chamábanlles ás tumbas de Antonio, Francisca e Xenerosa (que están case xuntas) as sepulturas dos fusilados,paseados na Guerra Civil.

Con todo elo, e despois de ir preguntando aquí e acolá, foi o señor José do Penecho, de Agrelo, o que me dixo que quen me podía poñer ao tanto era a señora María de Olveira, de Cans. Tamén me falara que se publicara un libro mais polo visto tíñao un veciño seu pero non o deixaba.

Con esa pista achegueime á señora María, logo dun par de intentos. Nun primeiro contacto fora para facer de mediador de Elixio Villaverde que por aquel entón escribía para a revista Grial, e quería falar con algunha testemuña, e logo como nunca apareceu, impliqueime persoalmente para coñecer de primeira man o relato dos da masacre, que naquela data tiña 16 anos.

Dende logo a súa versión dista moito da oficial, e non tiña motivos para mentir, máis se pensamos que algunha xente segue pensando hoxe en día, que todo foi culpa dos veciños e familiares.

Despois foime un pouco máis doado, xa que se aviron a pórme tamén ao tanto o señor Pepe do Carmelo, o cego de Cans, e súa irmá. No seu caso non foran testemuñas, eran máis novos que a señora María, pero coincidían co seu relato.

O señor Pepe quedará cego aos 10 anos, mais tiña unha memoria prodixiosa e esa sensibilidade especial que ten a xente con esa discapacidade. Escoitalo, era como ter un libro aberto.

Un dato: na versión oficial cóntanos que houbera unha descarga ao ar, moi dubidosa, e outra cando un cativo atacara presuntamente a un garda, sen embargo contaranme que un dos feridos, da familia dos Veliña, recibira un disparo cando os gardas xa se repregaban a Portosín e estaban a altura da casa da Carballeira. A causa foi porque este veciño fora tras eles para recriminarlles o que habían feito e por fuxir sen botarlles unha man cos feridos. Foi nese intre cando un deles deuse a volta e pegoulle o tiro.

Por un primo de meu pai, nado na Arxentina, souben que unha tía avoa miña tamén acudira a Cans, sendo ferida por unha bala nunha perna. Eses feitos marcaron tanto a seu pai, que cando marchou para Arxentina, prometeu non volver a Galicia, porque segundo lles dixo, «en Nebra mataban á xente».

Outra anécdota coa miña familia polo medio, dáse con miña bisavoa, xa que que Xenerosa Vidal, deixou ao seu coidado á súa filla, que apenas tiña uns meses, para ir a Cans, na contra da opinión do seu home. Levárona de volta para Puílla nunha escaleira, como improvisada padiola, xa que foi ferida de morte.

A 10ª homenaxe en imaxes comentadas:

Casa da Liga ou da Xunta, así se denominaba ao local da Liga Agraria de Nebra que se atopa a carón do adro da igrexa de Nebra. Hai anos pasou a ser propiedade privada ao ser vendida até onde sei, por unha familia que emigrou a Arxentina.

María, por segundo ano foi a privilexiada en facela ofrenda ás vítimas.
Unhas rapazas tamén acudiron ao acto para facer un traballo para o Instituto.
María facendo a ofrenda floral ao pe do monólito.
Francisco Sobrado co caxato, neto de Antonio Sobrado, foi o único descendente que acudiu á homenaxe. Tamén se achegou Manuel Tomé, o primeiro alcalde que nos honra coa súa presenza para homenaxear ás cinco vítimas e ademais no seu nome pediu perdón polas malas practicas realizadas por aqueles nefastos antecesores no cargo.
Os dous ramos a carón dos monólitos con unha fermosa posta de Sol.
Tumba de Xenerosa Vidal. Ao seu carón está a de Antonio Sobrado e Francisca Carou. Segundo me comentou a señora Mercedes, ao lado plantaran un carballo na súa honra que se cortou máis tarde para facer máis tumbas.
Tumba da familia Morales. No libro de Xerardo Díaz Fernández, Nebra: historia dunha infamia, relata as intervencións feitas no local da Liga Agraria por un integrante desta familia. É a única que tumba do cemiterio de Nebra que ten un epitafio.

O BNG de Porto do Son na súa contra homenaxe tamén depositou unhas flores, onde como se pode ver, agora prima o seu emblema e tampouco faltaron as súas bandeiras. Facéndome eco dalgúns comentarios, nalgún momento mesmo falaron máis da política actual do Concello que do que verdadeiramente nos leva a Cans cada 12 de outubro dende fai 10 anos: honrar ás cinco vítimas. Agora decátome que as bagoas que alguén parecía soltar en actos anteriores, eran máis de crocodilo.

Esta xente eran simple labregos que loitaron contra inxustiza dos políticos, polo que ninguén ten dereito a tentar manipulala súa memoria. Foron todo un exemplo de defensa dos seus dereitos que hoxe non atopamos en ningún partido.

Por último quería agradecer expresamente a Don José Ramón, o noso cura párroco, por lembrarse da data e celebrar unha misa na súa memoria despois de comentarllo o ano pasado. O vindeiro ano agardo non cometelo erro imperdoable deste ano.

Así recolleu a prensa os dous actos Os sonenses recordaron a cinco veciños asasinados fai 93 anos.

1 comentario:

  1. Para ser un gran colectivo como dicen, se quedaron algo escasos con las flores, eso si, su marca se ve perfectamente.

    ResponderEliminar

Os comentarios son libres, só pido sentido.